|
Facultade de Belas Artes de Pontevedra. R/ Maestranza, 2 36002 Pontevedra
fbbaa@uvigo.es 986 80 18 00
|
Mestrado en Arte Contemporánea. Investigación e Creación. Información básica |
|
Interese do mestrado
O Mestrado Universitario en Arte Contemporánea. Investigación e Creación consta dunha dobre orientación académica e investigadora. Académica no sentido de potenciar aquelas competencias inherentes á creación e a produción artística, en todas as súas variantes. E investigadora en relación á formación de estudantes cuxo obxectivo sexa a continuación da súa formación en programas de doutoramento.
Os contidos, obxectivos e métodos do mestrado están orientados cara a saídas profesionais heteroxéneas en consonancia coa demanda e a realidade social. Apostamos por unha perspectiva interdisciplinar que permita aos estudantes adquirir unha formación polivalente e versátil para desenvolverse en actividades relacionadas coa creación plástica en todas as súas modalidades creativas, a imaxe e os audiovisuais (deseño gráfico, videográfico, infográfico, páxinas web...) así como coa difusión e transmisión da arte (comisariado, xestión cultural, dirección artística, gabinetes pedagóxicos…).
En definitiva, toda unha gama de opcións que acreditan ao Mestrado Universitario en Arte Contemporánea. Investigación e Creación como un laboratorio creativo vivo e atento á totalidade.
Obxectivos
O Mestrado en Arte Contemporánea. Investigación e Creación foi pensado para ofrecer respostas á crecente demanda de profesionais polivalentes capaces de integrarse en campos de traballos interprofesionais. De aí que o plan de estudos se estruture sobre a base dunha concepción interdisciplinar atenta á necesaria versatilidade de coñecementos.
No campo da investigación os nosos esforzos céntranse na posta en práctica de sistemas de indagación e aprendizaxe que permitan ao estudante desenvolver traballos de investigación de xeito autónomo nun contexto de formación continua, supervisada e tutorizada polos docentes do mestrado..
Destinatarios
Se ben os licenciados e graduados universitarios en Belas Artes terán prioridade sobre o resto dos solicitantes, o mestrado está destinado aos titulados universitarios procedentes do ámbito das Humanidades (Historia da Arte, Filosofía, Comunicación Audiovisual, Humanidades) e Arquitectos que desexen acceder ao mundo da arte contemporánea nas súas vertentes teórica e/ou práctica, ou ao campo da investigación.
Non obstante, a comisión académica valorará as solicitudes dos titulados pertencentes a outras ramas.
Tipo de formación: Presencial Número de prazas: 25
Criterios de selección e requisitos de admisión
Poderán acceder ao Mestrado aqueles candidatos que estean en posesión dun título universitario oficial español e outro expedido por unha institución de educación superior do EEES que facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de mestrado..
Así mesmo, poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao EEES sen necesidade de homologación dos seus títulos, logo de comprobación pola Universidade que estes titulados acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de postgrao.
O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión do interesado, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar as ensinanzas do Mestrado.
A Comisión Académica do Mestrado avaliará tanto a formación académica do candidato como o seu CV artístico e/ou profesional sobre a base dos seguintes criterios ponderados:
- Expediente académico da titulación que presenten para o ingreso (35%)
- CV artístico e/ou profesional do candidato/a, tendo en conta a adecuación dos contidos do Mestrado (30%)
- Informe artístico (25%)
- Carta de motivación (10%)
Preinscrición
Os alumnos deberán formalizar a súa solicitude na páxina web da Universidade de Vigo en auto-matrícula, para con posterioridade presentar a documentación física na Facultade de Belas Artes, ben en persoa ou por correo.
Coordinación
Alberto Ruiz de Samaniego
sama@uvigo.es
Estrutura dos estudos
Duración: 1 ano lectivo Periodicidade: Anual Número de créditos ECTS ofertados: 84 Número de créditos ECTS a cursar: 60
O número total de créditos de que consta o Mestrado é de 60. Este total inclúe 3 módulos de ensinanzas (50 créditos, entre materias obrigatorias, optativas e prácticas externas) e un traballo de fin de máster (6 créditos), tal como se indica na seguinte táboa resumo: MÓDULO 1: Arte y saber. Orientado ás metodoloxías e condicións do coñecemento artístico.
- Gnoseoloxía da arte
- Recursos cognitivos e metodolóxicos
MÓDULO 2: Sistemas artísticos. Recursos e coñecemento do sistema artístico contemporáneo.
- Tendencias e modos de produción contemporánea
- Perspectivas actuais
MÓDULO 3: Laboratorio de creación. Elaboración artística nas súas múltiples facetas e posibilidades contemporáneas.
- Laboratorio (e): espazo. Centrado na espacialidade e a objetualidade.
- Laboratorio (t): tempo. Centrado en aspectos temporais, narratividade, procesualidad, corporalidade.
- Laboratorio (n): número. Centrado na reproductibilidade, seriación, moldes, matrices.
- Laboratorio (1): unicidade. Centrado na obra única non reproducible e a súa relevancia.
MÓDULO 4: Laboratorio interdisciplinar de creación. Módulo eminentemente práctico orientado cara á especialización no campo das tecnoloxías, os modelos expositivos e as prácticas pre-profesionais en empresas e institucións artísticas de recoñecido prestixio..
- Proxecto expositivo
- Taller de artista invitado
- Prácticas externas
- Taller tecnolóxico
MÓDULO 5: Laboratorio Interdisciplinar de Investigación. Orientado fundamentalmente cara á capacitación para a investigación e a realización do TFM.
- Liñas de investigación
- Taller de investigador invitado
- Casos de estudo
- Modelos e disciplinas auxiliares
Traballo fin de mestrado
O Traballo Fin de Mestrado é unha materia de carácter obrigatorio tutelada por un profesor, cuxo obxectivo é mostrar a competencia creativa e investigadora do discente. O devandito traballo consistirá na realización de obra artística (ou outro traballo de carácter creativo) ou nun traballo de investigación escrito, dependendo dos intereses particulares do alumno. En todo caso a obra proposta ha de ir acompañada dunha memoria escrita na que se expliciten os obxectivos do alumno.
Na súa investigación o alumno deberá demostrar que é capaz de aplicar os coñecementos teórico/prácticos adquiridos ao longo da súa formación, poñendo en práctica a súa capacidade para buscar información, analizala, organizala e presentala axeitadamente.
Na presentación do TFM o alumno deberá igualmente demostrar que sabe utilizar a terminoloxía e as metodoloxías específicas, empregar procedementos de presentación axeitados aos requisitos académicos, e propoñer xuízos críticos fundamentados e aplicados ao seu obxecto de estudo.
Matrícula a tempo parcial:
Permítese un mínimo de 30 créditos ECTS por ano, establecéndose o seguinte itinerario:
Primeiro ano: Deberanse cursar o Módulo 1 "Arte e saber" (12 ECTS) e o Módulo 2 "Sistemas artísticos" (18 ECTS)
Segundo ano: Deberanse cursar 12 créditos ECTS de entre os 24 ofertados no Módulo 3 ("Laboratorios de creación") e 12 créditos ECTS de entre os 24 ofertados nos Módulos 4 ("Laboratorio interdisciplinar de creación") e 5 ("Laboratorio interdisciplinar de investigación") xunto co TFM (Traballo Fin de Mestrado)
Onde se vai impartir
O Mestrado impártese na Facultade de Belas Artes, un edifico histórico situado en pleno centro de Pontevedra, unha cidade acolledora e recoñecida internacionalmente polos seus programas de mobilidade peonil.
Entidades colaboradoras
MARCO | CGAC | Fundación RAC | Asociación de Galerías de Arte de Galicia | Museo Ramón Maria Aller | Museo de Bellas Artes de A Coruña | Fundación Luis Seoane | MAC | Fundación Eugenio Granell | Museo de Pontevedra | Fundación Laxeiro | CIEC | Culturgal.
|