Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo

Facultade de
BELAS ARTES
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Mediateca
 
Sistema de garantía de calidade
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

sdfba@uvigo.es
986 80 18 00
Novas

20/11/2019
CONVOCATORIA DE PRAZAS DE INTERCAMBIO CON EEUU

Publicouse a RESOLUCIÓN REITORAL DE 18 DE NOVEMBRO DE 2019 POLA QUE SE SE ABRE A CONVOCATORIA DE PRAZAS DE INTERCAMBIO CON EEUU PARA O CURSO ACADÉMICO 2020-21 DENTRO DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A UNIverSIDADE DE VIGO E O ISEP (International Student Exchange Program)

REQUISITOS

a) Requisitos académicos:
a. No caso de estudos de grao (undergraduate): Estar matriculada/o no curso académico 2019-20 nos cursos 2º, 3º ou 4º dos graos que se ofertan na Universidade de Vigo. 
b. No caso de estudos de posgrao (graduate): Estar matriculada/o no curso académico 2019-20 na Universidade de Vigo nunha titulación de mestrado ou doutoramento.

b) Requisitos lingüísticos:
a. Estar obrigatoriamente en posesión e con vixencia do Test of English as a Foreign Language (TOEFL iBT). Ningunha outra acreditación lingüística de inglés será admitida.

c) Non ter renunciado, sen motivo xustificado, a unha praza aceptada na convocatoria ISEP do
curso anterior. 

DOTACIÓN E TAXAS

O alumnado da Universidade de Vigo ten as taxas de matrícula, aloxamento e manutención gratuítos durante a súa estadía na universidade estadounidense. Mais terá que abonar á Universidade de Vigo as seguinte tasas:

a) 4.000 euros no caso de estadía de todo o curso académico. A taxa será
a mesma se o estudante tivese que reducir a súa estadía a un cuadrimestre.
b) Taxas de tramitación e asignación de destino: taxa de tramitación de ISEP (ISEP Exchange Application Fee): 100 dólares
c)  taxa de asignación (ISEP Exchange Placement Fee:  375 dólares

Convocatoria completa aquí

Prazo de solicitudes: Ata 12 de decembro de 2019


18/11/2019
Obradoiro de fotografía con Jürgen Doom

FLASHES E RETRATOS
Obradoiro de Jürgen Doom
Facultade de Belas Artes de Pontevedra
Venres 22 de novembro de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
Lugar: Estudio de fotografía. 15 prazas con preinscrición previa

Inscricións: sdfba@uvigo.es
Jürgen Doom é profesor de fotografía en LUCA School of Arts. Tamén traballa como fotógrafo freelance. Ten unha sólida formación técnica, especializándose en fotografía de estudio. Os seus intereses principais son o retrato, a reportaxe e a simbiose entre fotografía e arquitectura.

Este taller propón un achegamento á fotografía con flash: como facelo, que equipos son necesarios, requisitos técnicos e, sobre todo, que pode proporcionar o flash para os fotógrafos. O taller centrarase no retrato.




15/11/2019
Xornadas do Estado da Investigación

Estas Xornadas son unha actividade formativa para o alumnado de 2º  ano do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. A actividade consiste en que cada doutorando fai unha presentación breve (20 min) do estado da súa investigación, expondo o tema, obxectivos, metodoloxía, desenvolvemento, fontes, etc... 
A asistencia como oíntes é obrigatoria para o alumnado de 1º ano do programa, pero  tamén pode ser interesante para aqueles estudantes  que estean pensado en realizar estudos de 3º ciclo.

Venres 22 de novembro no Espazo 16

PROGRAMA

MAÑÁ
10:00 Cortizo Franco, Iria
10:30 Molina Quiroga, Berio
11:00 Lafuente Lestón, Fernando María 
11:30 García Calleja, Laura
12:00 DESCANSO
12:30 Martínez Pérez, Sara
13:00 Mortol Moreno, David
13:30 Montesinos Fandiño, Macarena


TARDE
16:00 Gómez Fontaíña, Juan Edgar
16:30 Fraga Costa, Sabela
17:00 Cáceres Flores, Isabel
17:30 Domínguez Rodríguez, Rodrigo
18:00 Fojo Ferrer, Alberto


14/11/2019
Charla con David Fidalgo-Omil


Charla Cine feito con pintura por David Fidalgo-Omil

Martes 19 de novembro ás 11.00h no Espazo 16

David Fidalgo (Lugo, 1989) é graduado en Belas Artes e Mestrado en Álbum Ilustrado e Animación pola Uvigo. Ademais de en numerosas mostras colectivas, expuxo individualmente no Valey Centro Cultural de Castrillón (Asturias), Apostrophe Sala de Arte (Vigo) e UMH (Elche). Obtivo varios recoñecementos en forma de premios e bolsas tanto no ámbito das artes plásticas como no audiovisual, onde participou e participa en festivais de cinema de ámbito nacional e internacional, sendo este mesmo ano preseleccionado aos Goya 2020 á mellor curtametraxe de animación pola súa película HOMOMAQUIA.


12/11/2019
CHARLA DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA - DIEGO ROMERO SUÁREZ LLANOS

Martes 19 de novembro ás 16:30h. Espazo 16. Facultade de Belas Artes

O galardoado director de fotografía DIEGO ROMERO SUÁREZ LLANOS deixa en cada película a súa innegable pegada, como comprobamos en Stop de Pounding Heart, The other side, What You Gonna Do When The World s On Fire?, (dirixidas polo seu inseparable Roberto Minervini). O seu traballo ten pasado por importantes festivais como Cannes, Locarno, Venecia, Leipzig, Toronto Film Festival, ou nos Oscars coa candidata por Uruguai Migas de Pan (de Manane Rodríguez). En Galicia contribuiu á estética do filme galego A Esmorga (de Ignacio Vilar). Outros directores cos que traballou foron Nicolás Pereda, Nuria Ibañez ou Diego e Daniel Vega. Recentemente Love me Tender (de Klaudia Reynicke) está a levar a atención da crítica e a percorrer as seccións oficiais de festivais de renome. Romero ten traballado en infinidade de proxectos de cine independente que lle levan a viaxar e a vivir longas tempadas en distintos países de América ou Europa. Viviu uns anos na India, onde traballou para o respetado director Buddhadeb Dasgupta, e alí puido combinar este compromiso co cinema independente con superproducións de Bollywood. 

Romero estará dando unha charla por primeira vez na Universidade de Vigo (Facultade de BBBA de Pontevedra) falando da súa maneira de entender a profesión, as súas experiencias, mentres comparte co público fragmentos dos seus filmes e repasa aspectos xa característicos do seu estilo, como son a cámara en man ou a iluminación natural. Unha ocasión moi especial para coñecelo e escoitar o que é para él ser director de fotografía e traballar no mellor cinema independente.

Algúns trailers (click no título para ver):

 


11/11/2019
Convocatoria Error es bien. Publica en RISO


Ata o 15 de decembro podedes presentarvos á convocatoria "Error es bien. Publica en RISO"

Requisitos: ser membro da UVigo, coñecementos de Indesing e Photoshop. Poden ser propostas individuais ou colectivas.

Dotacións: espazo de traballo, ISBN e D.L., Master RISO, tintas RISO, apoio técnico, RISO SF9350

Consulta ou descarga as bases completas aquí

Mail para enviar propostas: erroresbien@gmail.com


07/11/2019
Charla con Maison Ruina

Martes 12 de novembro de 2019
Ás 11.00h no Espazo 16 da facultade

Maison Ruina é un espazo aberto recentemente en Vigo por un grupo de artistas que traballan en diferentes campos da arte. É unha sala na que se realizan eventos, exposicións, concertos, etc. Cultura urbana  e creación contemporánea (música, animación, edicións). É galería de arte, tamén tenda na que se poden adquirir pezas de roupa ou publicacións de Fosfatina edicións. Entre os seus obxectivos atópase o de difundir e mostrar aos creadores galegos, así como xerar un contexto que posibilite conexións e cruces entre diferentes formas de cultura.

Dous dos compoñentes deste grupo que constitúe MAISON RUINA visitarannos o vindeiro martes para falarnos do seu proxecto.



06/11/2019
O humor como unha das Belas Artes. Taller de creación artística impartido por Alberto Ardid de Cabo

Mestrado en Arte Contemporánea. Creación e Investigación (Coordina Anne Heyvaert e Juan Carlos Román Redondo)

Datas: 12, 14 e 19 de novembro do 2019

Horario: de 18:00 h a 21:00 h.  Duración 9 horas

Lugar: Espazo do Mestrado. Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Inscrición:  redondo@uvigo.es Prazas limitadas, segundo orde de inscrición.

Obxectivos: Este curso pretende estimular e poñer en valor a parte irónica do alumnado durante todo o proceso creativo, utilizando como exemplos as pezas artísticas con máis substancia do período contemporáneo. O humor na arquitectura, na pintura, na escultura, na instalación, no cinema, no videoarte, no cómic, na web... e en calquera forma de expresión contemporánea. Destacar que o uso do humor, en calquera tema tratado, pode adquirir unha dimensión moito máis fonda que empregando unha formalidade seria.

Cada unha das tres sesións constará dunha parte teórica, que durará aproximadamente a metade da mesma, e logo terá lugar a sesión práctica. Os alumnos poderán traer consigo toda canta ferramenta de traballo queiran, así como imaxes de obras anteriores para fomentar a reflexión e o debate. Haberá deberes.

As pezas resultantes poderán formar parte dunha mostra colectiva posterior.

*IMPORTANTE: O primeiro día é importante que se leven os móbiles ben cargados de batería



04/11/2019
Entrevista a Joseba Murazábal

Podes descargar o Pdf da entrevista aquí

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Joseba Murazábal preséntase como un investigador incansable dos fenómenos sociais que o rodean para despois materializalos en creacións divertidas que nos ofrecen novas lecturas dos aspectos máis cotiáns da realidade. Fiel á tradición figurativa, desenvolve principalmente o seu traballo entre o óleo sobre lenzo e a pintura mural, aínda que tamén se atopa realizando pezas noutros formatos. Entre os seus últimos proxectos destaca a serie Fenómenos do rural, coa que retratou a varias mulleres do rural galego levando a cabo as súas faenas cotiás e outorgándolles superpoderes para dignificar e visibilizar os seus labores.

Cunha mirada crítica e aceda, o seu traballo foi recoñecido en varias ocasións, destacando o primeiro premio de pintura no Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2009); o premio ao mellor artista galego na Bienal Eixo Atlántico (2010); o premio do V Certame de Pintura Arte Nova Galega (2012). Ademais, participou en diferentes mostras colectivas e os seus murais están presentes en varias cidades galegas e estatais.

Case sen tocar, 2018. 

Fórmaste na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que probablemente ten un dos perfís máis conceptuais de España. Terminas dedicado á pintura figurativa. Isto fainos reflexionar un pouco sobre os clichés en relación a este tipo de centros de estudo e á propia arte contemporánea. Gustaríanos saber como foi a túa experiencia formativa, cando se inicia o teu interese pola pintura e se houbo algún punto de inflexión durante eses anos.

O primeiro ano de carreira tiven a Ánxel Huete de profesor de pintura. Ensinounos a pintar plano, estilo David Hockney. Iso foi perfecto para alguén coma eu. Era a primeira vez que pintaba e é a forma máis sinxela para empezar. Déuseme ben e non deixei de facelo en toda a carreira. A nivel técnico non podo dicir que me ensinaran moito en Pontevedra pero a nivel conceptual si. Almudena Fernández Fariña encamiñoume a dar coa serie Os meus amigos e os seus cansdespois Ignacio Pérez Jofre, unha vez rematada a carreira, animoume a seguir pintándoa. Con esa serie fíxenme pintor, pasei de non saber manexarme co óleo no primeiro cadro a gañar o certame de Novos Valores da Deputación de Pontevedra. As outras materias reforzaron a miña forma de entender as imaxes. Diso funme dando conta cos anos. Creo que de Pontevedra saen moi bos pintores, todos pintamos distinto, cada un á súa maneira. Isto é algo que non pasa en sitios onde se limitan a aprender a copiar ben.

O punto de inflexión tíveno unha vez rematada a carreira, despois de dúas semanas nun curso de pintura con Guillermo Muñoz Beira. Saín de Chichón cunha forma máis ordenada de pintar e con algún truco básico para ter o proceso do óleo máis controlado. Puxen en práctica o aprendido pintando Juancho e os seus cans. Gañei Novos Valores e iso motivoume o suficiente como para tomarme en serio a pintura até agora. 

Nos teus traballos sobre lenzo, a elección do material pictórico é case unha declaración de intencións. Fálanos do lento do proceso, da mirada á tradición pictórica clásica...

Na carreira si, parece que usar cola de coello para preparar os lenzos e pintar ao óleo é ir ao revés. Os pintores que me gustaban atopábanse entre Velázquez e Mariano Fortuny e iso implica usar aceite. Por certo, paréceme un pecado que na biblioteca non houbese libros de Fortuny, Iliá Repin, Anders Zorn, John Singer Sargent, Giovanni Boldini... os grandes do S.XIX en canto a pintura realista. Eu tiven que ir descubríndoos aos poucos e son a base da figuración realista actual.

Comezas retratando á túa contorna máis próxima a través do proxecto Os meus amigos e os seus cans. Xa desde ese momento, percíbese na túa obra un interese por mirar o cotián, por enxalzar situacións que habitualmente pasan desapercibidas. Como xorde este interese? Cal é a base á hora de seleccionar a escena?

Empecei en terceiro de carreira, Almudena viu que tiña un interese polo social pero moi desligado da miña realidade máis próxima. As típicas fotos do semanal con persoas sufrindo convertíaas en cadros bonitos de cor e vendibles. Deixei de facelo e deixei de vender cadros moitos anos. Empecei a ver nos meus amigos algo especial, algo ao que a xente que pinta non adoita ter acceso. Mozos de barrio, cans de presa... Joder, vino clarísimo. Ademais, desde o retrato da miña cuadrilla facía referencia a unha xeración de mozos e mozas. Estaba a documentar algo que pasa en case todo o mundo a unha determinada idade nos barrios das cidades.

Levas uns anos realizando a serie Fenómenos do rural. Trátase de mulleres con súperpoderes, avoas do rural galego que teñen moito que contarnos. Empezas con retratos ao óleo sobre lenzo e logo co formato mural. Aínda que comparten concepto, son linguaxes e formas de expresión diferentes: varía o tamaño, o tipo de exposición ao público... En que se relacionan e que achega cada un?

Nos cadros case sempre os poderes adoitan ser máis sutís. A señora cortando a torta co fouciño, ou a que arranxa a antena subida á cheminea... se te despistas velas como escenas reais. Nos murais déixome levar polos meus referentes e convértoas en heroínas de cómic. Enténdese o concepto de forma máis inmediata. É moi divertido. Pero ás veces fago cadros moi esaxerados e murais con poderes máis discretos. A tendencia é o primeiro.

Combinas realidade e ficción. Aquí hai varias fontes de inspiración...

Tiro sobre todo dos debuxos animados. Desde Naruto; Claudina, a ninja das ondas a Obelix; muller Nitromón. Pero tamén tiro de pelis como Mary Poppins, ou O ataque da muller de 50 pésMoitas non teñen ningún referente como é o caso de Luisa, a muller acróbata ou Amparo, a reposteira dos montes. O universo está construído, agora as ideas poden saír de calquera lado.

Partir a tarta, 2016.

É interesante que pintes a estas mulleres como superheroínas, cando as súas funcións, as súas tarefas cotiás (que tan importantes son para a estrutura social en xeral) adoitan quedar nun segundo plano. Hai unha intención reivindicativa?

Ese é o problema. Hai que pensar que, aínda que todas o fagan, non é normal que unha señora de 80 anos faga os domingos a comida para todos e logo recolla. Ou que se poña a podar a maceira enriba dunha escaleira. Levo varios anos observando a estas señoras e vin auténticas tolemias. Só hai que pór atención á beirarrúa da estrada, é un escenario de auténticas proezas diarias. A intención é clara, quero que se valore o seu traballo como se merece.

Noutras comunidades, é o home o que cultiva o campo e a horta e o papel da muller está no traballo do fogar. En Galicia sempre traballaron tanto dentro como fóra. Talvez por isto, xerouse un falso mito sobre a idea de matriarcado galego, confundindo o traballo fóra de casa con maior dominancia ou liberdade, cando o poder o seguía atesourando o home. Desde a túa experiencia coas mulleres retratadas, como ves a súa realidade?

A muller galega obtén tras unha vida de traballo unha forza real que mantén case ata que morre. Esta é a forza do minifundio. Nunca deixan de traballar a horta porque a terra é súa, a diferenza do que pasa nas zonas latifundistas. Ademais, a horta enténdese en Galicia como unha extensión da casa polo que, igual que se fai a comida, se sachan as patacas. É certo que non somos unha sociedade matriarcal, se o fósemos seriamos o estudo de moitos antropólogos. Pero si é certo que na vellez a muller gaña poder na súa casa, e isto o penso por varias razóns. No rural os homes xubilados non adoitan axudar nas tarefas da casa. Os roles son inamovibles. As mulleres manteñen a súa forma física, a ximnasia da horta, e por estatística viven máis ca os homes. Tamén creo que moitas están casadas con homes maiores que elas, polo que ou morren ou enferman antes.

Por todo isto, creo que a muller do rural é moito máis libre na vellez a pesar de seguir traballando como mulas e coidando de todos os netos que lle carguen. De todas as mulleres que coñecín con este traballo, a maioría eran viúvas ou tiñan que coidar dos seus maridos por algunha enfermidade. Aínda que non coñezo estudos sobre estes datos que me invento, a realidade é fácil de ver.

A través do teu traballo con Fenómenos do rural, notaches algún cambio de apreciación do público local sobre a arte?

Voume a mollar. Sobre a arte mural, a condición de que sexa bonito si. Pero sobre a arte... non sei. En Carballo, que hai máis de 40 murais, os veciños censuraron un espido. A xente, en xeral, quere ver cousas estéticas. Por iso agora hai unha forte corrente abstracta e colorista no muralismo. O realismo, sempre que sexa de bo gusto, triunfa. Este ano quería pintar a unha señora mexando, do charco ía saír un arco iris; non o puiden facer.

Hai uns anos, nunha entrevista co tamén artista Joan Morera, falabas da precaria situación da arte en Galicia. Comentabas que moitos creadores e creadoras da túa xeración tiveron que emigrar (agora chamámolo irse ao estranxeiro) para comezar a ser valorados. Cambiou algo?

Para os artistas da miña xeración, peor. Por idade estánselles acabando as bolsas e os premios, as galerías seguen sen poder manter a un artista, sorte se te venden algo en Nadal. A xente busca outros traballos e vai facendo cousas, sen a idea tola de vivir unicamente da arte.

Tamén sucede que o traballo artístico está pouco valorado. Algunhas veces os concellos ou institucións ofrecen a cesión do espazo para pintar aos artistas pensando que con iso xa están a ser remunerados. No teu caso cobras polo teu traballo. Desde a túa experiencia, como valoras a situación?

Si, eu cobro polos murais. O muralismo está peor pagado desde os festivais de arte urbana que desde os concellos, polo menos falo desde a miña experiencia.

Actualmente estás a preparar novos proxectos. Podes contarnos algo sobre eles?

Teño un xoguete que quero sacar ao mercado e producilo en serie. Fixen varias tiradas pero o acabado non é moi profesional. É curioso, unha soa peza sería unha obra; 50 sería un traballo artesanal e 1000 ben feitos e ben empaquetados son un xoguete. Actualmente o teño parado.

Seguirás cos teus murais?

Teño varios murais previstos, un en Hospitalet, outro en Lugo e outro en Celanova.

Moitas grazas Joseba. Que vaia ben!


Archivo de noticias